Saltar a: Menu principal | Corpo | Menu lateral | Pe de paxina

presentación de "5 pezas (setembro)" from lara bacelo on Vimeo.
A rodaxe de “Setembro” ía comezar en outubro. Daquela, o nutrido equipo da película, dirixido por José Manuel Bazarra “Sepi”, víuse na obriga de interromper un traballo de meses a causa dos problemas de liquidez. Agora, este grupo de galegos optou por facer unha folga “á xaponesa”.
O resultado deste esforzo sen cartos é unha curta gravada en alta definición que se estrea en pantalla grande o venres 6 de febreiro no Teatro Principal de Santiago. A gala, presentada polo actor Xosé Barato, comezará ás 21 horas e permitirá ver por vez primeira “5 pezas” que resumen o espírito de “Setembro”. Se o guión da película percorre en cinco olladas a Galicia contemporánea e tece cinco historias irreverentes ambientadas nun país que se debate entre a tradición e a modernidade, esta curta tamén o fai. Pero o que outorga a condición de proposta anovadora a estas pezas que se estrean agora é que están baseadas no pasado dos personaxes dunha película que non se estreou aínda.
Antes e despois da proxección de “5 pezas” no Teatro Principal, eses personaxes interactuarán co público e cos transeúntes na rúa e na sala. Comezarán o seu happening ás seis da tarde no restaurante A Caldeira de Pedro Boteiro, na rúa de San Pedro, onde haberá petiscos e música e onde continuará a festa pola noite así que acabe a proxección.
Pero hai máis. As “5 pezas” tamén se poderán ver dende o venres en setembro.es, unha páxina web que bota a andar nesa data coa vocación de propoñer un novidoso concepto de película. Neste recuncho da Internet, os personaxes da longametraxe irán desenvolvendo unha vida propia, cobrarán entidade dixital e chegarán ás casas antes de percorrer as pantallas tradicionais. A páxina iranos contando, irá creando o pasado deses personaxes, irá profundizando no xérmolo da película, na súa ficción gamberra e na súa realidade, a Galicia contemporánea. “Setembro” preséntase así como un filme que nace na Rede e na rúa antes que no propio cine.
Ademais de servir como presentación pública do proxecto, setembro.es incluirá información e ficción, incluirá outros vídeos, textos, fotografías, música, ligazóns e diversas colaboracións e seccións destinadas a que os internautas participen. O obxectivo é ir construíndo de maneira colectiva gran parte da película na Rede, e darlle voz ao crecente movemento xerado sen diñeiro e arredor de “Setembro” por membros dunha xeración que pide paso, que quere evitar por todos os medios que morra este proxecto que leva tres anos dándolles que falar aos profesionais do sector.
En 2006, a idea da película contou coa axuda da Consellería de Cultura á escrita de guións. A xuízo da comisión que escollera os traballos, “Setembro” mereceu o primeiro posto naquela convocatoria. Despois, o guión converteuse nun dos proxectos máis valorados entre os que optaban ás subvencións á produción en 2007. En 2009 segue sen haber medios para producir a película, pero hai un equipo, varios equipos, parte dunha xeración que quere facer cine na súa terra e non está disposta a emigrar.
No caso de “Setembro”, a suma dos problemas de produción e o desexo de anovar na Internet dá como resultado un novo concepto de película que se constrúe en Galicia: para o público, os personaxes e o seu mundo nacerán antes na rúa e na Rede que no cine.
Non existen comentarios relacionados
NORMAS: